A Federación Galega de Balonmán organiza, por vez primeira, o Campionato Galego de Balonmán Praia, que comezará o próximo día 25 de xuño en Vilanova de Arousa. O Galego, masculino e feminino, consta de seis probas que se disputarán en Vilanova de Arousa, Bueu, Nigrán, Sanxenxo, Vigo e A Garda durante os meses de xuño e xullo. A inscrición está aberta e as bases do campionato poden ser consultadas na páxina web da Federación Galega, onde tamén pode realizarse a inscrición.
Os equipos deben estar compostos por un mínimo de seis xogadores (e un máximo de 12) nados antes do 1 de xuño do ano 93. O gañador do I Campionato Galego de Balonmán Praia representará a Galicia na fase final do Campionato de España.
Inicio. Vilanova de Arousa acollerá a primeira proba que recibe o nome de “II Torneo Ibérico” e que será internacional, xa que está confirmada presenza de equipos portugueses tanto masculinos coma femininas. Ademais, o próximo ano este Torneo Ibérico disputarase en Portugal e os tres primeiros clasificados masculinos e femininos do I Campionato Galego están invitados a participar neste torneo. Así, a de Vilanova de Arousa será a única cita internacional das seis que compoñen o campionato galego.
A segunda proba celebrarase en Bueu ( 2-3 de xullo), mentres que a terceira proba terá lugar en Nigrán (9-10 de xullo) (puntuábel para o Campionato de España) e as citas continuarán durante todo o mes de xullo: Vigo (16-17), Sanxenxo (23-24) e A Guarda (30-31). A clasificación do Galego realizarase sumando os tres mellores resultados dos seis torneos que conforman o campionato e para poder loitar polo título os equipos deberán disputar un mínimo de tres probas.
A modalidade do balonmán praia resulta moi espectacular para o público en xeral e, a pesares de que este ano é a primeira vez que se celebra o Galego, dende hai uns anos nas praias galegas se celebran varios torneos, nos que participan equipos de moi alto nivel, polo que o espectáculo parece seguro.
|