Seis triunfos e dúas derrotas para as seleccións galegas. Este foi o resumo da primeira e esixente xornada do Campionato de España Infantil e Cadete, que se está a disputar en San Javier (Murcia).
Os equipos non tiveron respiro nesta xornada. Na categoría infantil feminina, o equipo galego non comezou ben, xa que perdeu de forma clara no primeiro choque contra Andalucía (27-16), pero o equipo levantouse e logrou unha vitoria contra Castela e León (23-20) no segundo partido do día. Mañá Galicia xogará contra Canarias (16:30 horas), aínda que xa está clasificada (como segunda ou terceira do grupo).
Na categoría infantil masculina, xornada perfecta para Galicia. Comezou gañando a Castela a Mancha (29-22) e despois superou a Valencia (29-24)). Mañá xogará contra Castela e León (12:30 horas), pero xa coa tranquilidade de ter a clasificación na mán.
Dúas vitorias para a selección galega cadete feminina. No primeiro partido enfrontouse a Cantabria e gañou por seis goles de vantaxe (34-28) e pola tarde o equipo galego superou a Aragón (25-29). Mañá xogarase o pase a cuartos de final fronte a Castela e León.
E para rematar, a categoría cadete masculina. Galicia logrou unha vitoria fronte a Navarra (37-39) e caeu derrotado de forma clara contra Catalunya (29-50). Mañá o equipo galego enfrontarase a Andalucía (12:30 horas).